O pasado día 23 de febreiro de 2023 organizouse en Abegondo, dende o Servizo de Orientación Laboral do Concello de Abegondo, en colaboración co Administrador da Aula Mentor e UOP do Concello de Bergondo, unha Xornada de carácter Informativo para facilitar a información, asesoramento, e xestión deste trámite de acreditación profesional, ademais de reflexar a utilidade que isto representa de cara ao mercado de traballo actual.
O proceso de acreditación segue unha serie de fases no que se adquire unha acreditación oficial das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou vías non formais de formación, previa avaliación das mesmas, para aquelas persoas que non dispoñen de titulacións (sexan persoas en situación de desemprego ou persoas que estean activas ou traballando).
Desta maneira, con este proceso, recoñéceselles de forma oficial a través dun documento público o emprego que realizaron durante anos nos respectivos sectores, e que poden utilizar para mellorar as condicións laborais como ascensos no seu emprego, cambiar de traballo ou empresa, competir de mellor xeito no acceso a un novo emprego, ou acceder a máis formación se así o desexan, coa inscrición en graos de FP da súa familia profesional e permitir a formación continua.
Polo tanto, a acreditación de competencias profesionais permite aos traballadores capitalizar a súa experiencia laboral e persoal, e aumenta as oportunidades de promoción e inserción laboral para as persoas en situación de desemprego.
Aquelas persoas que estean interesadas poden recibir información no departamento de Formación e Emprego do Concello de Abegondo por tlf. (981 647 996 ext 125) ou con cita presencial no Servizo de Orientación Laboral.