O conselleiro de Emprego visita Abegondo para coñecer as actuacións do Rural Activo e do obradoiro de emprego
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, acompañou ao conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, durante a súa visita ao municipio para coñecer as actuacións que se están desenvolvendo a través do programa Rural Activo e do obradoiro dual de emprego “Reserva da Biosfera: Emprego Verde V”. Na visita tamén participou a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e diversos representantes dos concellos integrados neste obradoiro de emprego, que permite coordinar a formación e o traballo entre distintos municipios.
A visita centrouse na Casa do Lagoeiro, en Xeixade, na parroquia de Sarandós, onde se están levando a cabo traballos de rehabilitación no marco do obradoiro. O Concello de Abegondo prevé dar un novo uso a este inmoble unha vez finalizada a actuación, coa posibilidade de destinalo a local social para os veciños e veciñas.
O alcalde destacou durante a visita o avance dos traballos e o resultado da intervención. “Está quedando moi ben, estanno rehabilitando e limpando”, sinalou Santiso Miramontes, quen explicou que tamén se abordou a posibilidade de converter o inmoble nun espazo de uso social. “Tamén falamos de destinar este edificio como local social para o desfrute dos veciños e veciñas”, engadiu.
José Antonio Santiso puxo en valor que os obradoiros de emprego permiten ao Concello acometer actuacións necesarias como esta á vez que ofrecen unha oportunidade de formación e experiencia laboral ás persoas participantes. “Quero agradecer á Xunta que todos os anos se dea un obradoiro, xa que permite realizar obras como estas, formar a xente e que a xente poida dar o salto ás empresas”, afirmou.
O rexedor abegondés destacou así mesmo a coordinación entre os municipios participantes no “Reserva da Biosfera: Emprego Verde V”, que considera un exemplo de colaboración entre concellos. “Quero destacar a boa coordinación do obradoiro de emprego, no que participan varios concellos. É un exemplo de traballo conxunto”, indicou.
Durante a súa visita, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración destacou precisamente a utilidade de actuacións como a da Casa do Lagoeiro e felicitou ao Concello de Abegondo polo proxecto. “Está moi ben que o obxectivo sexa apoiar aos veciños. Paréceme moi boa idea arranxar unha casa como esta para dedicala a local social e é un acerto porque é algo que é útil para os veciños e veciñas”, sinalou José González.
O conselleiro incidiu tamén en que os obradoiros de emprego teñen como obxectivo fundamental facilitar que as persoas participantes poidan incorporarse posteriormente a unha empresa, pero que o seu desenvolvemento permite ademais executar actuacións que repercuten directamente nos municipios. “Os obradoiros teñen por obxectivo fundamental dar o salto do obradoiro á empresa, pero tamén que con eses cartos adicados aos obradoiros se poidan facer grandes cousas como esta”, afirmou.






Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!