O Concello renovará a iluminación e as caldeiras do campo de Vizoño coa vista posta na eficiencia enerxética
Abegondo substituirá a iluminación e as caldeiras do campo de fútbol de Vizoño con novos sistemas e tecnoloxía máis eficientes e respectuosos co medio ambiente. Así o confirma o alcalde, José Antonio Santiso, apuntando que o Concello acaba de recibir unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia coa que se seguirá “apostando, de xeito decidido, pola eficiencia enerxética”. Como explica o rexedor, “trátase dunha medida que nos permitirá mellorar o estado actual da instalación e coa que promoveremos, ademais, o coidado e o respecto polo medio ambiente ao reducirse as emisións de CO2”.
O proxecto municipal abarcará a renovación da instalación eléctrica do recinto que, co paso do tempo, presenta unha serie de deficiencias. Actualmente, o terreo de xogo conta con catro torres de iluminación de 15 metros de altura cos seus respectivos proxectores. A intención do Concello é cambiar as luminarias actuais por outras novas de tipo LED e colocar cinco proxectores (tres de 600 watts e dous de 900), garantindo así unha maior eficiencia e uniformidade lumínica.
As obras supoñerán tamén a implantación dun sistema de auga quente nos vestiarios. Esta nova rede funcionará con enerxía aerotérmica e terá capacidade para cubrir a demanda actual dos usuarios e usuarias do campo de fútbol.
O primeiro edil incide en que estas actuacións traerán consigo “unha baixada na demanda eléctrica da dependencia e, polo tanto, un importante aforro para as arcas municipais”.






Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!