O Concello de Abegondo aproba o incremento do investimento na obra do polideportivo
O Concello de Abegondo aprobou en pleno extraordinario o incremento do investimento na reforma e ampliación do pavillón San Marcos para dar resposta ás necesidades detectadas durante as obras e que mellorarán o proxecto. En concreto, as novas intervencións, non contempladas inicialmente, centraranse na creación de novos accesos e estruturas de comunicación e na dotación de máis equipos técnicos á piscina municipal.
Trátase dunha modificación de 281.335,75 euros avalada polo arquitecto municipal e que se sitúa nas marxes que marca a lexislación. Esta contía procede do remanente de tesouraría a través do suplemento de crédito que deu luz verde o pleno. As actuacións foron adxudicadas por 1.479.252,58 euros, contando cunha axuda de 700.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En primeiro lugar, resulta indispensable a execución dunha nova escaleira de comunicación entre os vestiarios, as bancadas e o ximnasio para evitar o tránsito a través da pista. Esta intervención afectará directamente á sala de caldeiras, esixindo demolicións parciais, un reforzo estrutural, e o redeseño das instalacións que transcorren pola zona.
Ademais, a creación dun novo acceso exterior non previsto inicialmente requirirá a apertura dun oco na fachada, o que leva labores de demolición, instalación de nova carpintaría, illamento perimetral e a adecuación do itinerario exterior ata a entrada. Doutra banda, durante a apertura dun acceso á sala de fitness detectáronse elementos de formigón prefabricado ocultos no cerramento, o que require un sistema de apeo provisional, medios de corte especializados e medidas de seguridade adicionais para os traballadores.
A estas cuestións técnicas súmase a instalación na piscina de novos sistemas de filtración, así como equipos de medición, rexistro e control da temperatura. Son intervencións determinadas pola Consellería de Sanidade en materia de prevención e control.
O obxectivo fundamental da obra é modernizar e aumentar a superficie do polideportivo, como a zona de vestiarios, o ximnasio, a sala fitness e a de actividades dirixidas. Con todo, o proxecto municipal en marcha vai máis aló do incremento do espazo, e suporá tamén a renovación do pavimento da pista deportiva e o reforzo das condicións de accesibilidade, entre outras.
En canto ao ximnasio da planta alta e á sala fitness, a superficie en ambas as estancias verase duplicada, aumentándose tamén o espazo nas dúas salas de actividades deportivas dirixidas. As obras inclúen tamén a renovación integral dos vestiarios, que duplicarán a súa superficie para ofrecer un espazo máis amplo e funcional. Así mesmo, habilitaranse accesos directos desde a área da piscina até os novos vestiarios. Ademais, ampliarase a zona de almacenaxe para dar resposta ás necesidades do complexo.
O Concello actuará tamén na pista deportiva, onde os traballos consistirán na renovación do pavimento actual de madeira, colocándose no seu lugar outro do mesmo tipo de material e máis adecuado para o desenvolvemento das distintas actividades deportivas.
O Concello executará un importante reforzo en materia de accesibilidade. Así, actuarase nos percorridos de comunicación interna e instalarase un ascensor na parte principal para facilitar o acceso á zona de bancadas e á sala fitness. O polideportivo contará cun segundo ascensor onde agora atópase unha plataforma elevadora que, na actualidade, está obsoleta. A disposición deste segundo elemento facilitaría o acceso ás bancadas e ao ximnasio.
Esta non será a única actuación neste sentido, senón que tamén se proxectan intervencións nos accesos posteriores desde a vía pública. Neste caso, disporase dunha rampla accesible e crearase unha comunicación directa coas distintas dependencias das plantas baixa e alta. Na piscina proxéctase tamén colocación dun sistema mecánico que facilite a accesibilidade ao interior do vaso por parte de persoas con mobilidade reducida.
O proxecto implicará tamén actuacións na aula lúdica, situada na mesma zona. Neste sentido, o Concello renovará a sala, moi empregada ao longo de todo o ano para os programas de conciliación. Por último, o proxecto municipal implicará tamén melloras na envolvente térmica do pavillón coa que o Concello buscará reducir a demanda e o consumo térmico.






Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!