O Concello dá un novo impulso á mellora do IES de Viós coa renovación da pista polideportiva.
O goberno local continúa traballando para modernizar as infraestruturas educativas do municipio. Así o confirma o alcalde, José Antonio Santiso, avanzando que se renovará o pavimento do polideportivo do IES de Viós: «queremos que as dependencias estean nas mellores condicións posibles para a práctica deportiva tanto por parte do alumnado do centro de ensinanza como por parte dos clubs asentados no municipio».
As intervencións suporán un investimento de 96.625,14 euros. Do total, 40.000 euros estarán financiados a través dunha axuda concedida pola Xunta de Galicia dentro dos programas autonómicos para promover melloras nas infraestruturas dos concellos. A contía restante sufragarase con fondos municipais.
O rexedor destacou que a concesión desta subvención é froito «da escoita directa das demandas da comunidade educativa. Unha vez coñecidas as necesidades, analizamos as distintas vías para facer realidade estas peticións e traballamos para conseguir esta axuda». Santiso subliñou, ademais, que a actuación no IES de Viós volverá demostrar «como a colaboración entre as distintas administracións redunda no beneficio da veciñanza».
A execución destas actuacións suporá a renovación completa do firme, que se adaptará ao uso continuado que ten por parte das persoas usuarias da instalación.
Outras obras
Este proxecto súmase ás reformas executadas recentemente na biblioteca e no auditorio do instituto. En ambos os casos, o Concello desempeñou un papel clave na tramitación e xestión das axudas destas actuacións, financiadas con fondos da Xunta de Galicia.
Por unha banda, a biblioteca foi completamente renovada, dotándoa de mobiliario moderno e adaptado para o estudo e a lectura. Os traballos, que contaron cun investimento aproximado de 60.000 euros, supuxeron unha transformación do espazo, priorizando a comodidade e a funcionalidade do alumnado.
No que respecta ao auditorio, substituíronse tanto os asentos como as persianas por novos estores. Ademais, instaláronse atrís e outros elementos para completar a carteira de servizos deste espazo.






Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!