O Concello aborda coa Deputación o reforzo da seguridade viaria na DP-0103 ao seu paso por Sarandós

O Concello de Abegondo e a Deputación da Coruña trataron hoxe as posibles medidas para reforzar a seguridade viaria na DP-0103, en Sarandós. O alcalde, José Antonio Santiso, e a
deputada de Vías e Obras do ente provincial, Mónica Rodríguez, abordaron o asunto durante a súa visita ao municipio, solicitada pola corporación municipal. No encontro estiveron presentes o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Obras de Abegondo, Alberto Seoane, e o edil de Medio Ambiente e Impulso Demográfico, Gustavo Quindimil, así como varios residentes da zona.

Durante a visita, Santiso incidiu na necesidade de adoptar medidas que reforcen a seguridade para os viandantes e tamén para o tráfico rodado: «trátase dunha demanda que compartimos o Concello e os veciños e veciñas». O rexedor agradeceu «a boa disposición da deputada,», que se comprometeu a estudar posibles alternativas para responder a estas demandas.


Melloras

Tal e como explicou o rexedor, esta vía rexistra un importante tránsito peonil: «é moi empregada polas persoas residentes, pero tamén polos peregrinos, xa que un tramo do Camiño Inglés discorre por esta zona». Para garantir as condicións de seguridade e accesibilidade, o Concello pediu á Deputación a redución do límite de velocidade, baixándoo do 50 km/h actuais ao 30 km/h. Así mesmo, expúxose a execución de pasos de peóns sobreelevados e a mellora das beirarrúas, que se atopan deterioradas e estréitanse nalgúns puntos.

Durante a visita da deputada, o primeiro edil mostrou a súa disposición para cooperar co ente provincial e «conseguir que esta mellora sexa pronto unha realidade». De feito, Santiso mostrou a súa cooperación para mesmo involucrar ao Xacobeo nas obras desta estrada, pola que discorren centos de peregrinos ao ano.

Outro dos puntos visitados foi Figueroa. O goberno local aposta por efectuar tamén melloras de seguridade viaria no tramo desde aí ata As Nogueiras, en Montouto.

Así mesmo, o goberno municipal expuxo á Deputación un maior mantemento nas sendas peonís existentes nas vías provinciais.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *