O campo de fútbol de O Monte, en Mabegondo, xa presume dunha mellor luminosidade e eficiencia enerxética.
As prestacións do campo de fútbol municipal de O Monte, en Mabegondo, incrementáronse notablemente tras a instalación de proxectores LED nas torres e a renovación das cubertas dos vestiarios. Esta actuación enmárcase na promoción de medidas de eficiencia enerxética, financiada grazas á subvención concedida pola Xunta de Galicia.
En concreto, a intervención dotou o campo de nova iluminación con tecnoloxía LED, mellorando as condicións de luminosidade para a práctica deportiva, mentres se promove o aforro enerxético e o coidado do medio ambiente. A actuación supuxo a substitución dos focos de haloxenuros existentes.
Instaláronse catro proxectores LED de 590 W en cada unha das catro torres, logrando un maior nivel de iluminación cunha potencia eléctrica inferior á anterior (anteriormente, cada torre contaba con tres lámpadas de 1.000 W cada unha).
Outra parte da actuación centrouse na cuberta dos vestiarios. A antiga cuberta de lousas sobre formigón, que presentaba filtracións de auga debido á súa antigüidade, foi substituída por unha cuberta inclinada de panel sándwich. Este tipo de panel, deseñado tamén como illante, reduce o uso enerxético e, grazas aos materiais empregados, sostibles e eficientes, constitúe unha das mellores opcións en termos de aforro e eficiencia.
O proxecto foi financiado polo Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, cunha inversión total de 48.399,56 euros.
O alcalde, José Antonio Santiso, celebrou o resultado dunha actuación que “contribuirá a ofrecer unhas mellores condicións para todas e todos os deportistas que fan uso destas instalacións.”






Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!