O alcalde avanza que destinará o remanente á creación dun aparcadoiro para o futuro centro de saúde

O Concello celebrou, hoxe, un pleno ordinario no resultou aprobada a conta xeral do ano 2024, un dos principais asuntos da orde do día. Durante a súa intervención, o alcalde, José Antonio Santiso, deu conta das cifras máis importantes do documento. Entre elas, referiuse ao superávit que se desprende do documento, de 835.461,21 euros. A isto hai que sumar, ademais, o remanente de tesourería, un indicador que se pechou en 2.150.468,58 euros. Ambas as cifras deixan entrever, tal e como explicou o primeiro edil, “a boa saúde das arcas municipais”. A intención, tal e como avanzou o rexedor durante o pleno, “é destinar parte do remanente á execución de máis obras para mellorar os servizos e infraestruturas dos veciños e veciñas”. Entre elas, Santiso incidiu en que a intención é empregar parte da contía á compra dunha parcela e posterior construción do aparcamento do futuro centro de saúde.

A conta xeral aprobouse co voto a favor do grupo de goberno e coa abstención do BNG de Abegondo (os concelleiros do PSOE non asistiron ao pleno).

Festivos locais

Outro dos puntos que recibiron luz verde na sesión desta mañá foi a proposta de festivos locais para o 2026. O pleno aprobou o asunto co voto a favor do equipo do goberno e a abstención do BNG, e os festivos serán o martes de Entroido, 17 de febreiro, e o día de San Pedro, 29 de xuño.

A corporación aprobou por unanimidade, a proposta de adhesión do Concello ao convenio entre o Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas e a Xunta de Galicia para a prestación de solucións básicas de administración xeral.

Mocións

O BNG de Abegondo presentou varias mocións durante o pleno. Unha das que saíu adiante co voto a favor do PP de Abegondo e do BNG foi sobre o proxecto do parque eólico do Seixo.

Durante a súa intervención, o alcalde lembrou que o Concello presentou novas alegacións contra o parque eólico e contra a ampliación do proxecto de subestación de Rede Eléctrica Española: «mantemos e manteremos unha oposición rotunda ante esta actuación que terá un gran impacto no noso territorio».

Resultou aprobada, ademais, outra moción dos nacionalistas en defensa da igualdade e contra a LGTBfobia coa abstención do goberno e o voto a favor do grupo proponiente.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *