Os alumnos do CEIP San Marcos convertíronse na nova canteira de concelleiros de Abegondo

Abegondo conta, desde esta semana, cunha nova corporación municipal. Os concelleiros e concelleiras, que tomaron posesión esta mañá, son os alumnos de 2º de Primaria do CEIP San Marcos. O alcalde, José Antonio Santiso, e o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Obras, Alberto Seoane, déronlles a benvida aos edís e aproveitaron para explicarlles o funcionamento do Concello e do pleno municipal.

Os nenos e nenas tiveron a ocasión tamén de formular as súas dúbidas a Santiso. Ademais de sobre o funcionamento do Concello, os pequenos interesáronse polo estado dalgunhas obras, como as do futuro centro de saúde. Así mesmo, puideron propor melloras nalgunhas instalacións municipais. Entre as solicitudes, os cativos e cativas pediron que houbese máis libros na biblioteca do colexio e a dotación de máis xogos en parques infantís.

O alcalde, José Antonio Santiso, atendeu ás súas múltiples preguntas, que lle realizaron con moita ilusión. Non deixaron tema sen tocar, pero sobre todo incidiron na forma de funcionar do Concello, aínda que tamén lle abordaron cuestións máis persoais. Santiso confesou aos estudantes que, antes de ser alcalde de Abegondo, se dedicou tamén á ensinanza “podería ter sido o voso mestre”.

Na actividade tomaron parte cerca de 40 pequenos de entre 7 e 8 anos que puideron, non só conversar co rexedor, senón tamén coñecer as instalacións municipais.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *