Fundada a Asociación de Concellos afectados pola AP-9, coa Presidencia para Abegondo

A Asociación de Concellos Galegos Afectados pola Autoestrada de Peaxe AP-9 foi constituída hoxe, martes 6 de maio, en Abegondo como unha unión entre municipios para loitar por unha causa xusta e histórica. O salón de plenos foi o escenario da fundación da entidade, que se plasmou coa firma dos estatutos que rexerán o seu funcionamento.

Inicialmente son 11 os Concellos que a conforman, porque son os que completaron os trámites previos necesarios no seo dos seus respectivos plenos: Abegondo, Cabanas, Ferrol, Narón, Neda, Ordes, Paderne, Padrón, Portas, Teo e Valga. Todos os seus representantes acudiron hoxe á cita fundacional.

Pero a cifra de integrantes crecerá con máis concellos que xa confirmaron a súa intención pero que deben realizar o procedemento ou están afectados por cuestións administrativas propias. Será o caso, por exemplo, da Coruña, Oroso ou Betanzos, tamén presentes hoxe, ou doutros que anunciaran a súa idea de acudir pero finalmente non puideron como Miño, Cambre, Mesía ou Culleredo.

A asociación queda aberta á incorporación de máis municipios que se queiran sumar a esta fronte.

A reunión de hoxe tamén tiña que designar aos representantes da agrupación. A Presidencia será asumida por Abegondo, a proposta de Valga, secundada polos presentes; a Vicepresidencia, por Neda; a Secretaría, por Portas; a Tesouraría, por Ordes; e Narón, Padrón e Cabanas actuarán como vogais.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, declarou que «é moita hora de que a concesionaria cumpra coas súas obrigas como calquera cidadán». Apostou por crear esta asociación «para que non baixemos a garda nunca e garantir que recibimos o que nos corresponde por lei da AP-9».

Santiso tamén pediu aos integrantes que «todos os partidismos se deixen fóra». «Esta agrupación nace como fronte municipalista para defender os dereitos dos nosos veciños e veciñas ante unha infraestrutura que nunca nos tivo en conta, os intereses políticos non caben aquí», aseverou.

De entrada, buscarase resolver unha demanda moi esperada: que a concesionaria da autoestrada AP-9 asuma o 100% do imposto sobre bens inmobles (IBI), para o que contou durante 50 cunha exención dun 95%. Á súa vez, reclamarase a actualización catastral, sen executar desde 2007, para que sexa acorde á conxuntura actual e que repercutiría aos concellos maiores ingresos.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *