Concello e Xunta supervisan as obras do pavillón San Marcos, que avanzan a bo ritmo

As obras de remodelación e ampliación do pavillón San Marcos avanzan a bo ritmo. Así o puideron corroborar hoxe o alcalde, José Antonio Santiso, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, durante a visita que realizaron ao polideportivo, na que tamén estiveron presentes os concelleiros Alberto Seoane e Gustavo Quindimil. As actuacións foron adxudicadas por 1.479.252,58 euros, contando cunha axuda de 700.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a realización das mesmas.

O rexedor subliñou que se trata dun dos proxectos“máis importantes do mandato, na medida en que permitirá poñer á disposición da cidadanía unhas instalacións deportivas de primeiro nivel e que estean á altura da crecente demanda e das necesidades da veciñanza”. Así mesmo, tal e como apuntou Santiso, “as dependencias teñen un grande uso non só entre os veciños de Abegondo, senón que tamén o empregan os de concellos próximos como Carral, Oza-Cesuras e mesmo Betanzos”. Na mesma liña, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, puxo en valor o labor do Concello “no ámbito deportivo, con propostas pioneiras como a receita deportiva”.

O obxectivo fundamental destas intervencións é aumentar a superficie en varios puntos da dependencia. Entre elas, na zona de vestiarios, o ximnasio, a sala fitness e a de actividades dirixidas. Con todo, o proxecto municipal en marcha vai máis aló do incremento do espazo, e supoñerá tamén a renovación do pavimento da pista deportiva e o reforzo das condicións de accesibilidade, entre outras.

 

Dobre de superficie

En canto ao ximnasio da planta alta e a sala fitness, a superficie en ambas as estancias verase duplicada, aumentándose tamén o espazo nas dúas salas de actividades deportivas dirixidas. Ademais, habilitaranse itinerarios accesibles e de comunicación interior co resto dos servizos da instalación, de xeito que os usuarios e usuarias xa non terán que pasar pola pista deportiva.

As obras municipais incluirán tamén a renovación integral dos vestiarios, que duplicarán a súa superficie para ofrecer un espazo máis amplo e funcional. Así mesmo, habilitaranse accesos directos desde a área da piscina ata os novos vestiarios. Ademais, ampliarase a zona de almacenaxe para dar resposta ás necesidades do complexo.

O Concello actuará tamén na pista deportiva, onde os traballos consistirán na renovación do pavimento actual de madeira, colocándose no seu lugar outro do mesmo tipo de material e máis adecuado para o desenvolvemento das distintas actividades deportivas.

 

Accesibilidade

As obras do Concello supoñerán un importante reforzo en materia de accesibilidade. Así, actuarase nos percorridos de comunicación interna e instalarase un ascensor na parte principal para facilitar o acceso á zona de bancadas e á sala fitness. O polideportivo contará cun segundo
ascensor onde agora se atopa unha plataforma elevadora que, na actualidade, está obsoleta. A disposición deste segundo elemento facilitaría
o acceso ás bancadas e ao ximnasio.

Esta non será a única actuación neste sentido, senón que tamén se proxectan intervencións nos accesos posteriores (onde se localiza a
piscina) desde a vía pública. Neste caso, dispoñerase dunha rampla accesible e crearase unha comunicación directa desde a vía pública coas
distintas dependencias das plantas baixa e alta. Na piscina proxéctase tamén colocación dun sistema mecánico que facilite a accesibilidade ao
interior do vaso por parte de persoas con mobilidade reducida.

O proxecto implicará tamén actuacións na aula lúdica, situada na mesma zona. Neste sentido, o Concello renovará a sala, moi empregada ao longo de todo o ano para os programas de conciliación. Para rematar, o proxecto municipal implicará melloras na envolvente térmica do
pavillón coa que se buscará reducir a demanda e o consumo térmico.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *