Abegondo solicitará a reversión dun tramo do Camiño ao antigo trazado para mellorar a seguridade do peón

  • O alcalde reuniuse hoxe cos veciños de Meangos e Cos polas obras na estrada provincial

O Concello de Abegondo concretou hoxe cos veciños as próximas obras que iniciará na DP-0105 para incrementar a seguridade viaria dos peóns. O alcalde, José Antonio Santiso, presidiu o encontro que tivo lugar no centro social de Meangos e ao que acudiron residentes principalmente na devandita parroquia e Cos, por onde discorre a vía.

A actuación consistirá na construción dunha senda peonil. Executarase en dous tramos: de O Francés a Cos e de O Penedo a Fontao. Supoñerá un investimento de 100.000 euros, financiados nun 70% pola Deputación da Coruña, achegando o Concello o 30% restante.

Esta senda continuará ás previstas polo Concello, xa executada en Presedo, e a Xunta nesa mesma estrada. A vía acolle o paso do Camiño Inglés, polo que asume a trasfega continua de peregrinos, e ao carecer de espazo para os peóns supón un risco para a súa seguridade.

Por iso, Santiso avanzou que solicitará á administración autonómica a variación de parte deste tramo do Camiño para revertelo ao seu trazado anterior e así xa reducir o emprego desta vía provincial. En concreto, a petición referirase ao treito entre A Pereira e Ponte Pías.

Trátase dun traxecto que se podería realizar polo trazado anterior do itinerario cultural, que discorre por senllas na contorna da vía provincial. Desta forma eliminaríase a problemática actual, sinala o primeiro edil.

A idea de recuperar esta opción procede dos veciños da zona. O Concello atenderaa e trasladaraa a Patrimonio, que é a institución competente para estudala.

Santiso sinala que coas novas obras que se acomerán na DP-0105 “lograremos que unha dás estradas con maior carga de tráfico ofreza condicións de seguridade para vos viandantes”. Avanza que a construción de senllas peonís continuará tamén na AC-542, a estrada de maior circulación de Abegondo, ata poder completar todos os tramos entre Beldoña e Montouto.

Durante o encontro informativo, o rexedor avanzou, ademais, que a Xunta de Galicia está a reunir xa os permisos sectoriais para construír unha ponte sobre o río Mero que conecte Limiñón e Cos.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *