Abegondo recibe 24 novos composteiros na campaña de compostaxe doméstica do Consorcio As Mariñas
O Concello de Abegondo e o Consorcio As Mariñas celebraron o luns, 26 de outubro, as sesións de formación e entrega de material da campaña de compostaxe doméstica «Aproveita os teus residuos orgánicos, COMPOSTA!». Na aula multimedia do Concello entregáronse 24 composteiros: 11 na sesión da mañá e 13 na da tarde, á que asistiron 12 persoas.
Nas sesións, os mestres composteiros explicaron paso a paso como compostar na casa: que restos se poden botar no composteiro, como manter o equilibrio entre restos húmidos e secos e cando e como usar o compost. Ao remate, cada familia levou de balde o seu composteiro cun aireador, un termómetro, unha peneira e a guía de compostaxe doméstica, e contará con asesoramento continuado.
O composteiro pódese recoller en calquera das sesións que se celebran nos concellos do Consorcio As Mariñas, sexa cal sexa o concello de residencia, e non é necesario estar inscrito previamente. Tamén se pode solicitar en consorcioam.rsu.gal. Nas próximas semanas, os mestres composteiros farán ademais o seguimento das familias que xa compostan no concello, con chamadas e visitas á casa cando o precisen.
A campaña desenvólvese nos oito concellos do Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada), co obxectivo de aumentar un 5 % os fogares que compostan activamente e producir arredor de 27.375 kg máis de compost ao ano.
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FEDER Galicia 2021-2027.





Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!