Abegondo presenta alegacións e demanda a ampliación do estudo de impacto ambiental do parque eólico de San Bartolomé
O alcalde mostra o seu “absoluto rexeitamento” ao proxecto pola afección que supón para o municipio O Concello de Abegondo mostra a súa total desconformidade co proxecto de parque eólico de San Bartolomé polas afeccións que cursaría no municipio. O parque implicaría a instalación dun aeroxerador no territorio abegondés, ademais das liñas de evacuación. Tras a análise técnica realizada, o Concello presenta 7 alegacións ao proxecto e demanda que se complete o seu estudo de impacto ambiental con análise sobre diversos ámbitos. Tamén a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo presentou alegacións a este proxecto, que ademais de Abegondo afecta a Carral no seu territorio. “Consideramos que a proposta supón unha afección importante e por iso a rexeitamos de xeito rotundo e absoluto”, expresa o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso. A nivel de alegacións, a primeira refírese ao ámbito urbanístico: a localización proposta do aeroxerador non cumpre co estipulado na lei 2/2016 do chan de Galicia nin no seu regulamento de desenvolvemento. A análise técnica considera que as aspas do aeroxerador forman parte inseparable do mesmo. E compróbase que a totalidade do aeroxerador, aínda que se apoia nunha única parcela, proxéctase fóra da mesma, sen respectar as distancias a outras parcelas nin a viais. Así mesmo, o Concello apunta que no proxecto non queda garantido nin xustificado que os movementos de terras produzan o mínimo impacto visual e a mínima alteración da topografía. A segunda alegación, sobre os viais municipais, o Concello sinala que deberá repoñerse a traza do camiño cunha subbase de saburra de 15 cm de espesor compacta ou 95 cm do protector modificado e sobre esta deberá achegarse unha capa de aglomerado asfáltico de 5 cm de espesor como vén facendo en todas as obras municipais por esixencias da lexislación local. Na terceira alegación solicítanse as afeccións sobre as distancias coas granxas, vivendas illadas e chan de núcleo rural. Na cuarta denúnciase que non se tivo en conta a afección á Reserva de Biosfera. Na quinta alegación, o Concello solicita un informe detallado de cada unha das afeccións sobre cada elemento patrimonial, así como a súa distancia ao aeroxerador e a súa liña de evacuación soterrada porque segundo a lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galicia, no seu artigo 38, para os bens integrantes do patrimonio arqueolóxico, as infraestruturas deberán situarse como mínimo a 200 m do elemento e para as vías culturais (Camiño de Santiago) as infraestruturas deberán situarse como mínimo a 30 m do elemento. E pide indicar o impacto individual para cada un dos bens patrimoniais afectados. A sexta alegación versa sobre as obrigacións da Lei de Prevención de Incendios Forestais de Galicia, dado que recomenda unha franxa de exclusión na contorna directa das masas forestais, e este xerador vai sobre unha superficie de eucaliptos. E a sétima alegación, denuncia que non se analizaron os efectos da liña de evacuación soterrada sobre as augas subterráneas nin as traídas veciñais. Estudo de impacto Ademais das alegacións, achega do estudo de impacto ambiental presentado, o Concello de Abegondo esixe que se complete con varias actuacións. Solicita que se realice un estudo dos efectos dos campos magnéticos e eléctricos e acústicos sobre a saúde e o benestar animal da explotación gandeira porcina, que se atopa na zona onde se instalaría o aeroxerador. O Concello pide levar a cabo un control da calidade da auga dos leitos próximos con analíticas da auga anterior á zona da instalación do aeroxerador, na zona onde se colocará e leito abaixo da zona de instalación do aeroxerador. Así como das augas subterráneas das devanditas zonas (como se lles esixe ás explotacións porcinas con piezómetros). E tamén demanda completar o estuio da herptofauna, das aves e quirópteros, e da flora. Finalmente, o Concello solicita que se presente un protocolo de actuación pola aparición destas especies invasoras para a súa eliminación e xestión correcta porque supoñen un dos principais problemas ambientais actuais ao provocar a perda da biodiversidade nos ecosistemas e por tanto no territorio da Reserva de Biosfera. E ter acceso ao estudo de impacto sobre o Patrimonio Cultural elaborado por ZETA Arqueoloxía S.L que non está dentro dos documentos a información pública pero que si se nomea no devandito estudo de impacto ambiental. Santiso avanza que o Concello “tomará todas as medidas ao seu alcance” para impedir que leve a cabo un proxecto que é lesivo con Abegondo.