Abegondo presenta a I edición do Aborixe Fest encabezado por Álex Martini, recoñecido DJ do panorama nacional

Abegondo suma unha nova cita ao panorama musical da área. O Concello presentou hoxe o Aborixe Fest, un festival pensado para a xuventude, que terá lugar o venres 1 de maio no campo da feira de Abegondo.

O alcalde, José Antonio Santiso, deu a coñecer hoxe o evento, acompañado polos promotores, Bruno Castro e André Vázquez. Tamén asistiron o tenente de alcalde, Alberto Seoane, e o edil de Xuventude, Marcos Zapata, así como representantes da xuventude de Abegondo.

O artista Álex Martini, un dos DJ máis recoñecidos da escena nacional, encabeza o cartel do Aborixe Fest. O madrileño, cun estilo enerxético que combina electrónica e ritmos urbanos, estivo presente nos grandes festivais do país e conta con máis de 74 millóns de visualizacións na súa canle de Youtube.

Kike Varela, un dos DJ galegos máis importantes que fusiona a electrónica coa tradición galega, forma tamén parte do cartel. Borja Solla, outro dos DJ galegos recoñecidos, e os de ámbito local Bermu e Unaiii completan o festival.

“Queremos dar un impulso novo á nosa tradicional festa da xuventude cun festival pensado especificamente para os intereses da mocidade, pero aberto a toda a veciñanza”, expresou o alcalde. O acceso ao evento será totalmente gratuíto.

O Aborixe Fest traerá ademais o escenario Gramola, un espazo que o situará a nivel das grandes citas nacionais con efectos e pantallas. Haberá postos de alimentación e bebida desde as 21.00 horas ata a madrugada.

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *