Abegondo manifesta o seu “rexeitamento tallante” ao novo intento de construción dunha subestación eléctrica que cualifica de “tomadura de pelo”
O alcalde avanza na reunión mantida hoxe con Rede Eléctrica que o Concello recorrerá “a todas as vías legais” para opoñerse á infraestrutura polo impacto no municipio
O Concello de Abegondo mantivo hoxe unha reunión na casa do concello con responsables de Rede Eléctrica co proxecto de subestación eléctrica no municipio encima da mesa. Á cita acudiron o alcalde, José Antonio Santiso, o concelleiro de Infraestruturas, Alberto Seoane, os edís de AxA (único grupo da oposición), Fátima Ínsua e Roberto Gómez, o xerente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Jorge Blanco, así como técnicos municipais.
A resposta da corporación de Abegondo foi contudente: non á subestación. “Imos recorrer a todas as vías legais posibles para evitar esta infraestrutura no noso municipio”, expresou o alcalde aos responsables da empresa.
O proxecto de Rede Eléctrica é diferente, con distinta finalidade, ao previsto no seu día na planificación 2015 – 2020 da compañía, deseñado para reforzar a alimentación da cidade da Coruña, que foi descartado posteriormente cun rexeitamento unánime de Concello e veciños. Pero a empresa manteno no mesmo emprazamento, na parroquia de Folgoso, algo que para Santiso “é unha tomadura de pelo”.
Os responsables da entidade explicaron que este novo proxecto está motivado por dúas cuestións: alimentar ao AVE e a evacuación da enerxía de parques eólicos. No primeiro caso, desde a subestación de Abegondo, ADIF terá que construír unha liña ata a súa estación eléctrica de Oza – Cesuras. No segundo caso, cada promotora de eólicos será a que trace as liñas de conexión.
A subestación compoñerase dun parque e unha liña de 400 e dun parque de 220. Administrativamente trátase de tres proxectos, sendo os dous primeiros competencia do Estado e o terceiro, da Xunta de Galicia. Os proxectos xa foron presentados pola empresa e están en fase de análise para o seu procedemento de exposición ao público, cando as administracións deberán efectuar os seus informes, poderanse presentar alegacións e publicarase a relación de bens afectados.
Santiso manifestou o seu malestar pola modificación absoluta da finalidade do proxecto. “Antes baseábanse na necesidade de mellorar o servizo á cidade, á estación de Eirís, e díxosenos que As Travesas non era suficiente e que Abegondo era o mellor emprazamento”, lembra. Con todo, “agora cámbiase de argumentario e dise que é para alimentar ao AVE, que non pasa por Abegondo, e recoller a enerxía de parques eólicos lonxe de Abegondo para logo derivala desde aquí cara ás Pontes. É un absurdo”, afirmou.
O rexedor subliñou que “imos facer todo o que estea ao noso alcance para frear a subestación, nos tribunais e onde podamos”.
Tanto Santiso como o resto de edís presentes na reunión sospeitan que a decisión de realizar unha subestación en Abegondo con outra motivación radicalmente diferente procede de que Rede Eléctrica xa adquiriu o 65% dos terreos onde a quere levantar. “Pero a adquisición deses terreos non é un argumento suficiente para elixir o lugar”, advirte.
Mesmo Ínsua, que tamén é afectada como veciña da parroquia, manifestou que se negou a vender a súa parcela, xunto a máis propietarios, e que “baixo ningún concepto” o vai a facer. Neste sentido, Rede Eléctrica buscará a declaración de interese público da obra para realizar expropiacións.
O alcalde tamén sinalou á condición de Reserva de Biosfera como unha vía que se traballará. A Lei de Cambio Climático establece a necesidade de aplicar medidas extremas de precaución para facer estas infraestruturas en zonas protexidas.
A subestación ocuparía entre 3,8 e 4 hectáreas. Terá torres de máis de 70 metros de altura, o que xa demostra “o impacto inasumible” para unha contorna natural como leste.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!