Abegondo logra a aprobación definitiva do seu Plan Xeral, o primeiro de Galicia adaptado á nova lei

“Xa temos plan”. Con esta frase e unha visible cara de alegría resumía o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, a súa intervención no acto de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, desprazouse ata o municipio para asinar a orde pola que se dá a luz verde definitiva ao documento que marcará o futuro de Abegondo. No acto tamén participou a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, o concelleiro de Urbanismo, Alberto Seoane, o equipo redactor, e diferentes edís e técnicos da corporación.

O Concello de Abegondo convértese así no primeiro de Galicia en contar cun PXOM adaptado á nova Lei do Solo, de 2016, tal e como destacou a vicepresidenta. Vázquez felicitou a axilidade do Concello para obter o Plan, nuns cinco anos.

Santiso destacou que Abegondo conta cos sistemas xerais de infraestruturas e servizos para poder agora experimentar un crecemento, que en calquera caso aposta por que sexa “sostible”. Por iso reafirmouse en que “fixemos a casa desde abaixo” e agora “estamos preparados para ofrecer unha alternativa de vivenda unifamiliar en contacto coa natureza, e a 15 minutos da cidade”.

Desde que o plan provisional funciona, Abegondo experimentou un crecemento moderado. O rexedor está convencido que o Plan Xeral agora o reforzará, en primeiro termo colmatando os núcleos.

O alcalde quixo agradecer á conselleira e ao seu equipo por toda a disposición atopada para sacar adiante o PXOM. Tamén apuntou o papel da oposición, tanto a actual como a anterior, facilitando a súa aprobación.

O plan entrará en vigor nas próximas semanas, unha vez que se publique a orde no Diario Oficial de Galicia e a documentación no Boletín Oficial da Provincia.

O equipo redactor explicou que o modelo impulsado polo Concello no plan para o crecemento do municipio se basea na vivenda unifamiliar. Búscase a consolidación dos 132 núcleos de poboación existentes. O número máximo de nova vivenda que se establece é de 1.600, das que un 87 % se marca para núcleo rural. Non se reserva ningún chan urbanizable residencial.

O 90,46 % do territorio é solo rústico; o 8,51 % correspóndese con núcleos rurais; o 0,62 % é solo urbano, e o 0,41 %, urbanizable, marcado para o polígono ecoagrario ou para a ampliación da cidade deportiva.

O novo plan reserva solo terciario ao norte da estrada AC-542 que conecta os dous núcleos urbanos. Ademais, reserva preto de 130.000 m2 para espazos libres e zonas verdes, e máis de 250.000 m2 para equipamentos.

Para concluír, a vicepresidenta segunda reiterou que a Xunta seguirá traballando cos concellos para impulsar o obxectivo de dotar a todas as entidades locais dun instrumento urbanístico á altura das súas necesidades e acorde co marco normativo vixente.

De feito, o Concello de Abegondo recibiu axudas por un importe de máis de 160.000 euros para levar a cabo este procedemento e, nesa liña, no proxecto de orzamentos do próximo ano, o Goberno galego reserva unha partida de 4 millóns de euros para apoiar ás administracións locais no desenvolvemento de plans xerais de ordenación municipal e de plans básicos municipais.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *