Abegondo inicia as obras de construción dos accesos ao futuro centro de saúde

Coas obras de construción do futuro centro de saúde en plena execución por parte da Xunta de Galicia, o Concello de Abegondo dá un gran paso adiante para crear os seus novos accesos desde xa. O Concello iniciou os traballos para abrir unha nova vía que conectará a estrada principal, a AC-542, coa dependencia sanitaria.

Para iso, o Concello destinou 110.000 euros á adquisición das leiras necesarias, tras a negociación cos dous propietarios. A vía ábrese desde a zona da gasolineira e chegará á parte traseira, onde se sitúa o centro de saúde e outros equipamentos moi utilizados como o polideportivo, a piscina, o parque ou a aula lúdica.

O alcalde, José Antonio Santiso, xa contactou coa Consellería de Planificación de Infraestruturas para propoñer a construción dunha glorieta na intersección deste novo acceso coa estrada autonómica AC-542. Desta maneira, sinala o rexedor, “facilitarase a circulación e a seguridade viaria”, algo que será especialmente notable para incorporarse desde o carril que vén de San Tirso.

Coa obra, ademais de abrir a vía, o Concello está a renovar os servizos de abastecemento e de saneamento na zona, onde se atopan tamén varios inmobles.

Santiso apunta que a creación dos accesos está a realizarse con antelación “para garantir que xa exista non momento que conclúan as obras do edificio”. A previsión da Xunta pasa por poder abrir o novo centro ao longo deste ano.

Centro de saúde

A construción do novo centro de saúde de Abegondo avanza a bo ritmo co papel destacado da madeira na súa estrutura. A actuación lévase a cabo por un montante total de 2.708.948 euros.

O centro concentrará na planta baixa os servizos de asistencia médica. Nunha á situaranse as consultas xerais e pediatría e noutra a sala de mostras, enfermería, etc. O piso de arriba destinarase aos profesionais, con despachos, sala de descanso ou biblioteca. No soto irán as instalacións.

A nova dependencia sitúase na parcela adquirida polo Concello xunto ao actual centro de saúde. A superficie total da construción será de 1.221 metros cadrados.

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *