Abegondo impulsa unha nova edición dos Roteiros saudables dirixida aos maiores
Tras o éxito de edicións anteriores, o Concello pon en marcha unha nova convocatoria do programa Roteiros saudables: maiores activos. A iniciativa comezará este venres, 8 de maio, e desenvolverase ata o día 29, dando ás persoas maiores do municipio a oportunidade de participar en catro roteiros polo Camiño Inglés e unha última saída polo roteiro Mariñán.
O primeiro roteiro terá lugar o venres, 8 de maio, cun percorrido de 12 quilómetros entre A Coruña e o parque empresarial de Alvedro. A segunda saída celebrarase o venres 15, desde o parque empresarial de Alvedro ata o bar Centro de Sarandós. Desde este mesmo punto partirá a terceira etapa, o venres 22 de maio, na que as persoas participantes percorrerán 10 quilómetros ata Bruma. O programa concluirá o venres, 29 de maio, co roteiro Mariñán, que discorrerá entre Sada e Bergondo.
Todos os roteiros presentan unha dificultade baixa/media e unha duración aproximada de entre dúas e dúas horas e media. O pavillón municipal será o punto de encontro para a saída e a chegada en cada xornada.
As persoas interesadas en obter máis información ou formalizar a súa inscrición poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello.







Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!