Abegondo descobre a Uxía Veira Parcero, que se estrea no mundo da literatura con ‘Sin lado lado B para nosotros’

O Concello descubriu, esta mañá, á escritora Uxía Veira Parcero, unha veciña de Crendes que acaba de estrearse no mundo literario con ‘Sin lado lado B para nosotros’. O alcalde, José Antonio Santiso, acompañou á moza na presentación da súa ópera prima, un acto no que a autora estivo rodeada pola súa familia e varios amigos. Durante a súa intervención, o rexedor felicitou á moza, á que definiu como unha persoa «orixinal e creativa á que lle auguro un futuro prometedor neste campo».

A obra preséntase como unha combinación entre dúas das paixóns de Veira Parcero: a escritura e a música. Así, ‘Sin lado lado B para nosotros’ reúne un amplo número de textos de prosa poética nos que Uxía fala de todos os tipos de amor: o romántico, o que xorde entre dous amigos e o propio, que a autora definiu como «o máis importante e tamén como o que nos ten que acompañar ao longo de toda a nosa vida». Facendo unha comparación entre as caras A e B dos vinilos, Veira Parcero revela ao lector «as dúas caras do amor». Isto é, os mellores e tamén os peores aspectos das relacións.

Durante a súa intervención, a moza explicou que o traballo xurdiu de experiencias vividas en primeira persoa: «empecei a escribir estes textos para liberar sentimentos que necesitaba soltar dalgunha forma». Finalmente, tras ensinarllos ás súas amigas, estas animárona a facelos públicos considerando que «podían axudar a outras persoas nesa mesma situación», tal e como recoñece a escritora. Á parte da prosa poética, a publicación conta cunha listaxe de cancións asociadas a cada escrito e que a artista recomenda escoitar durante a lectura.

Uxía Veira Parcero é natural de Vilarrodís (Arteixo), ten 27 anos e está graduada en Publicidade e Márketing pola Escuela Marcelo Macías da Coruña. A súa vinculación con Abegondo xurdiu cando a súa nai decidiu comprar unha casa no municipio. Desde entón, considera Abegondo como «un lugar ao que podo chamar fogar e ao que sempre podo volver».

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *