Abegondo dará a coñocer os resultados de Transit, a súa aposta para mellorar a mobilidade sostible
Promover e mellorar as estratexias de mobilidade sostible no territorio. Estes foron os obxectivos que Abegondo se marcou, fai algo máis dun ano, cando se sumou ao proxecto Transit (Training Paths for Adults on Sustainable Mobility).
Despois de meses de traballo, o Concello presentará os resultados desta iniciativa celebrando unha xornada final na que intervirán o alcalde e presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso, e algúns dos técnicos municipais involucrados no programa. A xornada terá lugar este venres, 30 de xuño, a partir das 12.00 horas no encoro de Beche.
O rexedor sinala “a utilidade” deste proxecto, que funcionou “como un auténtico intercambio de experiencias e realidades con entidades de países de Suecia, Italia e Grecia para por medidas innovadoras e eficaces en materia de mobilidade sostible”.
A cita arrincará ás 12.00 horas coa benvida por parte do primeiro edil, que dará paso á presentación do proxecto por parte de Mar Carro e Carlos Ameixenda, técnicos do Concello. Tomará o relevo o arquitecto municipal, Luís Díaz, para enumerar as distintas iniciativas que o Concello puxo en marcha para fomentar o uso da bicicleta. A continuación (12.45 horas), terá lugar a presentación das sendas ecoturísticas da Biosfera.
A xornada concluirá coa proxección dun vídeo promocional e con peche musical a cargo do director da Escola Municipal de Música de Abegondo, Diego Moar. Ao remate levará a cabo unha comida para todas as persoas asistentes.
As persoas interesadas deberán inscribirse previamente. Para facelo, terán que cubrir un formulario dispoñible na páxina web e nas redes sociais do Concello. O prazo de inscrición estará aberto ata mañá, xoves 29 de xuño, ás 12.00 horas. O aforo do evento está limitado a 75 persoas.
A Unión Europea dotou a iniciativa con 302.118 euros. Da cifra, 40.000 destináronse a accións realizadas, directamente, polo Concello de Abegondo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!