Abegondo cobrará taxas ás empresas por ocupar espazos públicos

O Concello cobrará taxas ás empresas polo aproveitamento do dominio público. Así se acordou, hoxe, no pleno extraordinario por medio da aprobación de dous puntos: por unha banda, coa aprobación inicial da ordenanza fiscal da taxa a favor de compañías explotadoras de servizos de subministración por ocupación do subsolo, chan e voo da vía pública para zonas urbanas e, pola outra, coa modificación da taxa polo aproveitamento do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos. Neste último caso, as subministradoras terán que pagar a taxa por ocupar outras zonas do municipio que non están contempladas na primeira normativa, tales como montes ou camiños.

O alcalde, José Antonio Santiso, resalta que con estas ordenanzas “lograremos que as multinacionais paguen unha taxa que repercuta nos veciños”. O rexedor considera que “é de xustiza” o pago dado que Abegondo soporta diversas infraestruturas desta clase.

Antecedentes
Como expuxo o alcalde, José Antonio Santiso, Abegondo aprobara de forma inicial, a modificación da ordenanza fiscal que regulaba a taxa polo aproveitamento do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos. Esta proposta fora ratificada no pleno de novembro de 2021. Con todo, interpúxose un recurso contencioso-administrativo por parte de Rede Eléctrica de España que foi estimado de forma parcial por unha cuestión formal en canto á entrada a vigor da norma. Tras a modificación do documento, o Concello volveu elevar a modificación a pleno para que estea en vigor no 2024. Desde ese momento, as compañías terán que abonar o 5 % no caso de aproveitamentos especiais de instalacións como caixas de amarre, liñas subterráneas, torres metálicas, apoios, transformadores e depósitos, entre outros.

No pleno, ambos os puntos foron aprobados por unanimidade dos votos.

Consorcio As Mariñas
O rexedor aproveitou o pleno, así mesmo, para explicar aos grupos da corporación municipal cal é a situación económica actual do Consorcio As Mariñas. Santiso sinalou que a subida da taxa de recollida de lixos “fíxose de acordo ao criterio do interventor do Consorcio como medida para recuperar o déficit acumulado”. Durante a súa intervención, o primeiro edil explicou que a subida foi “necesaria para facer fronte ao novo cánon de 30 euros por tonelada de lixo que o Consorcio ten que aboar por levar os rechazos ao vertedoiro”.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *