Abegondo aproba no pleno uns orzamentos de 7 millóns de euros cun 20% para inversións
O Concello de Abegondo aprobou no pleno ordinario da corporación de xaneiro os seus orzamentos para este exercicio, confirmando unha tendencia de crecemento. En concreto, o documento alcanza os 7.087.321,29 euros, o que conleva un incremento dun 3,03% con respeto ao ano pasado.
O alcalde, José Antonio Santiso, destacou o «carácter social» dos orzamentos con preto da metade dos fondos «para cuestións de servizos sociais, cultura e deporte». En concreto, o 47% da contía permite prestacións «prioritarias» como a axuda á dependencia, a atención social ou o programa de actividades municipais e de maiores.
Santiso resaltou que as inversións supoñen un 20,80% do orzamento. Apuntou que esta cifra posibilitará a realización de obras demandadas polos veciños, como as melloras na rede viaria e en servizos, con 841.000 euros, ou o acondicionamento de centros sociais, con 150.000 euros.
Para o Pazo da Cultura, nos Loureiros, que se abrirá este ano. O Concello reserva 108.500 euros para rematar a xardinería e rehabilitación e outros 106.000, dos que a Xunta achega 89.000, para a dotación do mobiliario.
A nivel deportivo, o goberno local destina 50.000 euros para a adquisición de maquinaria para o pavillón, cuxas obras de reforma integral comezarán en breve, e outros 48.000 euros para as bancadas do pavillón de Viós.
En canto a educación, as axudas ao transporte para escolares e as bolsas de escolarización contarán cunha consignación de 60.000 euros. No apartado de investimentos dedícanse 63.000 euros para a humanización do patio do CEIP San Marcos, onde se retirarán os módulos auxiliares para xerar zonas verdes, de acordo co centro.
Os orzamentos saíron adiante cos votos favorables do grupo popular e as abstencións dos socialistas. O edil nacionalista non puido acudir á sesión.
Plan Único e inventario
En canto ao Plan Único, o Concello optou por destinar os 758.972,71 euros a gasto corrente, o que posibilita reservar fondos municipais para actuacións sen os requisitos da convocatoria provincial.
Ademais, no plan complementario incluíronse a segunda fase entre A Fraga e Borducedo Pequeno, en Vizoño, por 148.083,71 euros, e un proxecto de reparación de camiños na parroquia de Limiñón, por 48.366,56 euros.
Foi aprobado por unanimidade.
Tamén saíron adiante por unanimidade o POS Adicional para gastos sociais extraordinarios, con 89.290,91 euros achegados pola Deputación e o POS Adicional para redución do préstamo provincial de anos anteriores, por 133.936,36 euros.
Finalmente, o Concello aprobou a actualización do inventario municipal para incluír, entre outros, os terreos adquiridos nos Loureiros co obxectivo de desenvolver un proxecto de vivendas para xóvenes e en San Marcos para os accesos ao novo centro de saúde. Este punto contou cos votos a favor do grupo popular e a abstención do socialista.





Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!