Abegondo aproba en pleno a organización da corporación para o novo mandato
O Concello de Abegondo celebrou hoxe o pleno de organización da nova corporación. O alcalde, José Antonio Santiso, deu conta da estrutura do novo goberno municipal, tras os resultados das eleccións do pasado 28 de maio. O rexedor configura un equipo de goberno baseado nas dúas prioridades que sinala para o mandato: “a promoción do benestar e calidade de vida e a modernización dos servizos”.
A organización é a seguinte:
- Sanidade e Acción Social: Laura Calvo
- Urbanismo, Infraestruturas e Obras: Alberto Seoane
- Medio Ambiente e Impulso Demográfico: Gustavo Quindimil
- Formación, Emprego, Turismo, Programas Europeos e Protección Civil: Francisca Bestilleiro
- Industria, Comercio, Xuventude e Polígono Ecoagrario: Marcos Zapata
- Servizos e Mantemento: José María Caamaño
- Asociacionismo e Colaboración e Cooperación Veciñal: Silvia Taboada
O alcalde exercerá os labores de coordinación xeral de todas as áreas.
Ademais da organización do goberno, o alcalde informou o pleno da composición da xunta de goberno. Estará conformada por Laura Calvo, que será primeira tenente de alcalde; Alberto Seoane, que será segundo tenente de alcalde; Francisca Bestilleiro, que será terceira; e Marcos Zapata, que será cuarto; ademais do propio alcalde.
Doutra banda, aprobáronse as dedicacións. Manteranse en número e contía sen variación algunha con respecto ao anterior mandato, con dedicación exclusiva para o rexedor e unha parcial para o tenente de alcalde de Urbanismo, Infraestruturas e Obras. Foi aprobado polos votos a favor do goberno local, a abstención do PSOE e o voto contrario do grupo mixto, formado neste mandato polo edil do BNG.
Tamén se aprobou continuar co mesmo persoal eventual, unha persoa adscrita á secretaría de alcaldía. Neste caso o goberno local votou a favor e a oposición abstívose.
En canto aos plenos, serán os últimos xoves dos meses impares ás 14.00 horas e supoñerán unha indemnización por asistencia de 100 euros, cantidade que se mantén. A oposición propuxo que se trasladen a última hora da tarde. O goberno local indicou que os concelleiros teñen dereito a contar con horas no seu traballo para poder asistir polo que mantivo a súa proposta, que saíu adiante.
Así mesmo, aprobáronse as delegacións de competencias do pleno na xunta de goberno (PP a favor, PSOE abstención e BNG en contra), o nomeamento de representantes do Concello en órganos colexiados (PP a favor e oposición abstívose) e a composición das comisións informativas.
Neste caso haberá 3: de Urbanismo e Obras, de Asuntos Xerais e a especial de Contas. Compoñeranse de 3 membros do PP, 2 do PSOE, e o concelleiro do BNG, ademais do presidente. O goberno local votou a favor, o PSOE abstívose e o BNG, en contra.
Novidades do goberno local
Como grandes novidades, o goberno municipal contará con concellerías específicas, por unha banda, para o polígono ecoagrario. Trátase dunha das grandes iniciativas para promover o desenvolvemento rural vinculado á Reserva de Biosfera. “Sabemos do potencial de oportunidades do territorio e imos crear un parque diferente, onde se impulse a produción ecolóxica, adaptado para ou emprendemento e a formación”, avanza Santiso.
Doutra banda, o crecemento de Abegondo contará coa Concellería de Impulso Demográfico. A súa misión será promover medidas para dinamizar o incremento do municipio unha vez que se aprobe o Plan Xeral. O alcalde explica que tamén se articularán iniciativas para a conciliación laboral e familiar nesta área.
Outra novidade reside en fixar unha área específica para Programas Europeos, un campo onde Abegondo é pioneiro desde hai anos con diversos proxectos como os LIFE ou o Transit, entre outros.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!