Abegondo activa unha brigada forestal que traballará durante nove meses na prevención de incendios
O alcalde, José Antonio Santiso, e a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, puideron coñecer de primeira man o traballo da nova brigada forestal de Abegondo durante a súa visita ao antigo campo de fútbol da Fraga (O Couto). A agrupación, creada no marco do programa Rural Activo 2026 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, está conformada por cinco peóns forestais e unha enxeñeira de Montes, encargada das tarefas de coordinación. Tal e como subliñou o rexedor, a incorporación destes traballadores é «esencial para previr os incendios forestais e conservar os nosos espazos naturais».
Este equipo comezou a traballar a principios de xullo e permanecerá activo durante nove meses. Nese período encargarase, principalmente, de tarefas de prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Entre as actuacións previstas figuran labores de planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes e xestión da biomasa. A contratación do persoal, que se atopaba en situación de desemprego, realizouse a través dunha subvención autonómica de 110.065,24 euros.
Un reforzo
A brigada forestal non será a única. De feito, a través do convenio asinado coa Consellería do Medio Rural, o Concello contratou outras catro persoas para a brigada municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. A unidade comezará a traballar mañá, martes 4 de agosto, e contará cos perfís de xefe de brigada, peón condutor e peón de brigada.





Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!