Abegondo acomete a renovación da pista polideportiva do IES de Viós

O Concello de Abegondo executa unha nova obra de mellora nas infraestruturas educativas e deportivas do municipio. Nesta ocasión, leva a cabo a renovación da pista polideportiva do IES de Viós co obxecto de proporcionar unhas condicións óptimas para o seu uso.

O alcalde, José Antonio Santiso, comprobou xunto ao arquitecto municipal o estado actual da intervención. A estimación técnica é que os traballos se completen nos próximos días para que o espazo poida ser empregado canto antes polo instituto e os clubs do municipio.

A obra consiste principalmente na substitución do pavimento, en formigón, por un novo de tipo deportivo con acabado en tarima. Esta superficie proporciona un confort adecuado e unha absorción de impactos uniforme.

Ademais, unha vez disposto o pavimento, procederase ao marcado e sinalización de pistas, con liñas de 5 cm de anchura. A pista estará preparada para a práctica de baloncesto, futbol sala e balonmán.

A intervención supón un investimento de 96.504,14 euros. Do total, 40.000 euros estarán financiados a través dunha axuda concedida pola Xunta de Galicia dentro dos programas autonómicos para promover melloras nas infraestruturas dos concellos. A contía restante procédese de fondos municipais.

Santiso subliña a “mellora esencial” que experimentarán os usuarios co cambio do chan. “Apostamos por este investimento para favorecer a práctica deportiva e minimizar o risco de lesións que ten o formigón”, apunta.

O rexedor destacou que a concesión desta subvención é froito «da escoita directa das demandas da comunidade educativa. Unha vez coñecidas as necesidades, analizamos as distintas vías para facer realidade estas peticións e traballamos para conseguir esta axuda». Santiso subliñou, ademais, que a actuación no IES de Viós volverá demostrar «como a colaboración entre as distintas administracións redunda no beneficio da veciñanza».

Outras obras

Este proxecto súmase ás reformas executadas recentemente na biblioteca e o auditorio do instituto. En ambos os casos, o Concello desempeñou un papel clave na tramitación e xestión das axudas destas actuacións, financiadas con fondos da Xunta de Galicia.

Por unha banda, a biblioteca foi completamente renovada, dotándoa de mobiliario moderno e adaptado para o estudo e a lectura. Os traballos, que contaron cun investimento aproximado de 60.000 euros, supuxeron unha transformación da estancia priorizando a comodidade e funcionalidade dos estudantes.

En canto ao auditorio, substituíronse tanto os asentos como as persianas por novos estores. Ademais, instaláronse atrís e outros elementos para completar a carta de servizos deste espazo.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *