A Escola de Música abre o 4 de setembro as súas inscricións con varias novidades
A Escola de Música de Abegondo abrirá o luns 4 de setembro as inscricións para os interesados en formarse nela durante o curso 2023/2024. Un curso que contará cos seus xa habituais estudos, pero tamén con varias novidades. Entre elas, a posta en marcha de formación en jazz, brass band, percusión corporal e danza, así como un curso de DJ.
Os prezos da Escola van desde os 10 euros ao mes ata os 50, en función do conxunto de formacións ás que o alumno se matricule. Se quere evitar agardas, pode reservar a súa cita de matriculación chamando ao teléfono do Concello 981 647 996.
A maiores, a oferta cultural do Concello de Abegondo abrangue moitos máis eidos. A primeira formación en comezar será a de Bolillos e Manualidades, que forma parte das Escolas. Concretamente farao o xoves 7 de setembro. Máis tarde, en outubro, arrincarán outras formacións das Escolas como Coser é fácil, Debuxo-Pintura ou o Taller de ganchillo 3D e calceta, todas elas para todas as idades. A oferta das Escolas complétase co Taller Obradoiro de Curtametraxes e o Mindfulness.
Mentres, outra das novidades no amplo programa de posibilidades é o Teatro, que este ano conformará dous grupos: un de adultos e outro de nenos. Maxia, Adorno Floral, Robótica, Fotografía, Tapicería, Robótica ou ‘Abegondo chef’ serán outras das disciplinas ás que se poderá apuntar a veciñanza.
Tamén neste programa cultural se inclúen as actividades extraescolares e as educativas de reforzo, do mesmo xeito ca os diferentes servicios de conciliciación, alfabetización dixital de adultos e idiomas.
Pode consultar a extensa programación picando aquí ou accedendo á fiestra de ‘Cultura’ nesta web.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!