A conselleira de Medio Ambiente visita Abegondo para asinar co Concello un convenio de 1,5 millóns para o saneamento de Orto e Crendes
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, visitou hoxe a parroquia de Crendes, en Abegondo, para asinar co alcalde, José Antonio Santiso Miramontes, o convenio entre Augas de Galicia e o Concello para executar a actuación “Saneamento en Orto e Crendes. Fase II, Separata 2. Zona Sur”, cun investimento de 1.529.288,74 euros. No acto tamén participou o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira.
A obra permitirá levar a rede de sumidoiros a 97 novas vivendas e completar o saneamento de todos os núcleos rurais de Orto e Crendes, alcanzando 315 vivendas beneficiarias.
O alcalde agradeceu á Xunta e á Consellería o seu compromiso co municipio e destacou que son conscientes de que se trata de “un investimento de moitos cartos para Abegondo”, que permitirá “mellorar no día a día dos veciños desta zona”. Santiso sinalou que está previsto que a obra estea rematada “para o ano que vén ou principios do ano seguinte”.
Durante a visita, a conselleira agradeceu ao alcalde e ao seu equipo o traballo de planificación realizado polo Concello, que permite dispoñer de proxectos concretos e canalizar novos investimentos cara a Abegondo.
“É moi importante ter un alcalde que planifique, como o de Abegondo, porque planificando tes moi claro o que fai falta e o que queres e tes clara cara a onde destinar os fondos”, sinalou Ánxeles Vázquez. A conselleira tamén puxo en valor a planificación urbanística do municipio e destacou que ““para que cheguen cousas ten que haber proxectos, e aquí os hai”.”.
O convenio establece un investimento de 1.529.288,74 euros, dos que Augas de Galicia achegará o 80% (1.223.430,99 euros), cun 60% procedente do fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). O Concello asumirá o 20% restante, 305.857,75 euros, entre 2027 e 2028.
As obras canalizarán as augas residuais de Agrolongo, Tras da Igrexa, O Castro e O Carril mediante 13 tramos de colectores, con 2.417 metros de lonxitude, 79 pozos de rexistro, unha impulsión de 365 metros e un pozo de bombeo ata a planta de tratamento.
Planificación para completar o saneamento
A actuación dá continuidade aos traballos realizados nos últimos anos na península de Orto e Crendes. As distintas fases executadas nesta zona xa supuxeron un investimento superior aos 1,5 millóns de euros.
Con esta nova obra culminarase o saneamento dos núcleos rurais de ambas as parroquias e continuarase ampliando a cobertura deste servizo esencial nunha zona que, segundo as previsións manexadas polo Concello, podería alcanzar os 1.500 habitantes no ano 2042.
Unha vez rematadas as obras e recibidas correctamente, o Concello de Abegondo pasará a ser o titular das instalacións e asumirá a súa posta en servizo, explotación, conservación e mantemento durante un período mínimo de cinco anos.
A actuación contribuirá ademais a protexer o encoro de Abegondo- Cecebre, fundamental para o abastecemento de auga de preto de 400.000 persoas da Coruña e a súa área metropolitana.





Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!