En marcha a prolongación das sendas peonís da AC-221 en Crendes
O alcalde e o delegado territorial visitaron as obras que executa a Xunta para incrementar a seguridade viaria
A estrada autonómica AC-221, unha das máis transitadas de Abegondo ao dar servizo a Crendes e Orto, terá senda peonil en todo o seu traxecto. A Xunta de Galicia está a executar as obras de prolongación do espazo para peóns no treito que estaba pendente, entre os puntos quilométricos 10+640 e 10+960, en Crendes, dando resposta á petición formulada desde o Concello.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e o delegado territorial, Gonzalo Trenor, visitaron hoxe os traballos. Estiveron acompañados dos concelleiros de Obras, Alberto Seoane, e de Servizos, José María Caamaño, así como de técnicos municipais e da empresa contratada, Explotacións Galegas S. L. A actuación foi adxudicada por importe de máis de 48.000 euros.
A intervención desenvólvese nunha zona na que non hai un espazo seguro para o tránsito peonil. A nova senda terá unha lonxitude aproximada de 140 metros nun espazo no que as edificacións se atopan moi próximas ao bordo da calzada. Para a súa execución, será necesario desprazar o eixo da estrada para permitir que o ancho do novo itinerario consiga 1,5 metros de ancho.
Procederase, ademais, á rehabilitación do firme para o que se empregará formigón bituminoso en quente. Tamén se realizará a drenaxe lonxitudinal da estrada mediante unha tubaxe de 315 de PVC e sumidoiros.
Santiso e Trenor destacaron que coas obras gañarase un itinerario seguro, para favorecer os desprazamentos a pé dos peóns, que son usuarios vulnerables das estradas.