Accesos directos para navegar por esta página: 

Cabecera

Empieza la cabecera de la web. Puede saltar este contenido y regresar a los accesos directos para navegar por la web

Formulario de búsqueda

¿Dónde te encuentras?

A continuación mostramos el menú de migas, que muestra el lugar exacto donde el usuario se encuentra actualmente. Si lo desea puede regresar a los accesos directos de navegación

Estás en

Menú de tercer nivel

Si quiere saltar este contenido, puede regresar a los accesos directos para navegar por la web

Detalle da nova

Abegondo mantén a construción en 85 núcleos nas medidas provisionais do plan

O equipo redactor presentou hoxe no pleno o borrador do documento. O alcalde presentarao o vindeiro martes na Xunta

 

Desde que se coñeceu a anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, por mor da denuncia presentada por unha plataforma de afectados, o Concello de Abegondo púxose en marcha para adoptar as accións que estivesen na súa man para evitar prexuízos ao municipio. Así comezou a elaborar as medidas provisionais do plan, figura que xa contempla a lei galega para apoiar aos municipios cuxo PXOM se anula na xustiza.

O Concello leva varios meses de traballo neste documento. Hoxe o alcalde, José Antonio Santiso, a pesar de que non está contemplado, decidiu incluír un punto na orde do día para informar sobre esta tramitación. O equipo técnico de arquitectura que as elabora explicoulle á corporación un resumo destas medidas.

A arquitecta comezou a súa exposición sinalando que a normativa acouta moito o que se pode facer nas medidas. Só se poden incluír solos urbanos consolidados e solos de núcleo rural. Os non consolidados e os urbanizables non se poden contemplar. E o solo rústico queda igual, como marca a lei de 2016. En calquera caso, a arquitecta calcula que un 85-90% da problemática urbanística quedará solucionada con estas medidas.

Inclúense neste borrador das medidas un total de 85 núcleos rurais, fronte aos 141 que se consideraban no Plan Xeral. Nestes 85 están todos aqueles núcleos onde houbo actividade de obra maior e aqueles que os veciños manifestaron o seu compromiso de construír, como explicou o arquitecto municipal, tamén presente no pleno.

O alcalde manifestou que desta forma daráselle resposta a todos os núcleos con demanda real de construción. “Nós quixésemos deixar os 141 núcleos, pero vémonos obrigados a estas medidas pola denuncia e a posterior sentenza”, apuntou.

A delimitación destes núcleos é exactamente a mesma que se incluíu no Plan Xeral. O Concello, que realizou estas medidas en contacto permanente cos técnicos da Xunta, preguntou pola posibilidade de revisar algúns aspectos, pero determinouse que non se poden variar.

En canto ao número potencial de vivendas novas, púidose deixar a cifra en 1088, fronte ás 2622 que se permitían na PXOM. Isto vén determinado polo contido da denuncia da plataforma que aceptou o Tribunal, baseada principalmente no crecemento excesivo de residencias que se prevía.

Sobre os núcleos afectados pola Rede Natura, seguindo as indicacións dos técnicos da Xunta, incluiranse con normalidade. Aínda que se podería variar segundo eles marquen no informe.

Outra das cuestións que se manterán será o catálogo de elementos patrimoniais. quedará tal e como estaba na PXOM.

Santiso, acompañado do equipo redactor e dos técnicos municipais, presentará o martes o documento á Dirección Xeral de Urbanismo, que debe realizar un informe previo á aprobación inicial por parte do pleno. Esta aprobación inicial ten o requisito de comezar os trámites de contratación da redacción dunha novo PXOM. O Concello xa obtivo a axuda de 150.000 euros da Xunta para a adxudicación.

Tras a aprobación inicial haberá un período de exposición ao público de 20 días e en paralelo solicitaranse os informes sectoriais pertinentes. Con eles xa se poderán aprobar de forma definitiva no pleno. Desde que se aproben terán unha vixencia máxima de tres anos e medio.

Na sesión plenaria, o grupo de AxA pediu unha copia das medidas. O alcalde indicoulles que non hai problema en que as vexan pero que mentres sexa un borrador e non unha proposta definitiva considera pouco prudente dar copias dado que a Xunta poderá facer variacións.