Accesos directos para navegar por esta página: 

Cabecera

Empieza la cabecera de la web. Puede saltar este contenido y regresar a los accesos directos para navegar por la web

Formulario de búsqueda

¿Dónde te encuentras?

A continuación mostramos el menú de migas, que muestra el lugar exacto donde el usuario se encuentra actualmente. Si lo desea puede regresar a los accesos directos de navegación

Estás en

Menú de tercer nivel

Si quiere saltar este contenido, puede regresar a los accesos directos para navegar por la web

Detalle da nova

Abegondo concreta coa Xunta medidas provisionais para permitir a construción en solo urbano consolidado e nos núcleos rurais con garantías de desenvolvemento

As medidas serán aprobadas polo pleno co informe previo favorable de Urbanismo e Medio Ambiente. O alcalde márcase como meta telas aprobadas en menos dun ano

 

 

O Concello de Abegondo e a Xunta de Galicia acaban de manter unha reunión de traballo para abordar os pasos a seguir tras a anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal confirmada polo Tribunal Supremo por mor da denuncia da Plataforma de Afectados. O encontro celebrouse entre o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, coa participación de técnicos municipais e autonómicos e da letrada da Xunta.

O Concello pediulle colaboración á Xunta ante a problemática xerada pola anulación do Plan que foi aprobado por orde autonómica o 14 de setembro de 2012, con todos os informes técnicos favorables. O goberno local quere que os veciños de Abegondo se vexan afectados o menos posible e por iso pediu valorar as alternativas que permite a lexislación.

Son dúas as medidas provisionais que se poderán adoptar coa finalidade de evitar unha parálise na construción. En primeiro lugar, no solo urbano consolidado. A día de hoxe, salvo varias parcelas con esta cualificación en San Marcos e en San Tirso que quedaron anuladas explicitamente na sentenza, pódense seguir dando licenzas para o solo urbano consolidado, seguindo iso si as normas provinciais dos anos 90. Coas medidas provisionais, o Concello regulará este tipo de solo para que se rexa por unha normativa actualizada.

E en segundo lugar, nos núcleos rurais, os principais afectados pola denuncia da Plataforma. As medidas provisionais propiciarán que se manteña a delimitación proposta no Plan para aqueles núcleos con garantía de desenvolvemento. Isto determinarase no informe técnico que realizará o arquitecto municipal, onde estipulará que núcleos rexistraron construción.

O Concello tratará de incluír nas medidas provisionais algún núcleo máis. Para iso solicitará compromisos firmes dos veciños de que teñen intención real de edificar na súa parcela, nun horizonte máximo de solicitude de licenza dun ano desde a aprobación das medidas. Habendo esa garantía de varios propietarios, tratarase de incluír o devandito núcleo nas medidas provisionais. Os veciños nesta situación poderán acudir ao Concello para manifestalo.

Con estas dúas medidas evitaríase unha paralización na construción, tanto en solo urbano como en solo rural. Estas medidas provisionais, tal e como marca a lexislación, deberanse aprobar inicialmente no pleno municipal co informe previo favorable de Urbanismo e de Medio Ambiente, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e en xornais. Así mesmo notificaráselles individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados someténdoo a información pública como mínimo durante 20 días.

Durante o trámite de información pública, solicitaranse os informes sectoriais e as consultas que resulten preceptivas. Posteriormente, tras a emisión de informe polos servizos xurídicos e técnicos municipais aprobaranse de forma definitiva as ordenacións provisionais por parte do Pleno do Concello. O que quedará aprazado ata a aprobación dunha novo PXOM será o desenvolvemento de solo urbanizable. Nos casos de terreos incluídos na Rede Natura, consultarase primeiro a Medio Ambiente pola viabilidade de reducir o núcleo e poder delimitalo.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, márcase como obxectivo ter en menos dun ano estas medidas provisionais aprobadas. “Traballaremos arreo para ter validada esta fórmula canto antes”, destaca. O rexedor considera que estas medidas “favorecerán os veciños que teñen planeado construír e se viron prexudicados pola denuncia e a anulación”.

Ademais tamén chama á tranquilidade dos que contan con licenza porque seguirán plenamente en vigor.

Novo PXOM

O Concello de Abegondo xa iniciou o expediente de contratación para a redacción dun novo Plan Xeral. Unha semana despois de coñecer que a denuncia da Plataforma saíu adiante, os servizos municipais xa tramitan o procedemento administrativo.

A lexislación outorga un prazo máximo de tres anos e medio para que o Concello que aplica as medidas provisionais dispoña de novo PXOM aprobado. Por iso, Abegondo estará xa preparado para cumprir ese prazo e que os veciños conten con novo Plan.

Para a redacción, o alcalde pediu axuda económica á Xunta. A directora xeral de Urbanismo comprometeuse e fará valer a liña específica que ten para os casos de anulación de plans xerais, que en Galicia supoñen un de cada tres.

Outra das cuestións que preocupaba era a viabilidade do novo centro de saúde, unha demanda do Concello á que a Xunta se comprometeu. Para levalo a cabo planificarase como chan urbano consolidado, cualificación do terreo que adquiriu o goberno municipal en San Marcos xunto ao actual centro, e aprazarase o desenvolvemento do Plan Especial de San Marcos á novo PXOM. Só se executará un novo acceso desde a AC-542, mediante rotonda, ao futuro centro.

Polo tanto, a construción do centro de saúde tamén será viable a pesar da anulación da PXOM.