Accesos directos para navegar por esta página: 

Cabecera

Empieza la cabecera de la web. Puede saltar este contenido y regresar a los accesos directos para navegar por la web

Formulario de búsqueda

¿Dónde te encuentras?

A continuación mostramos el menú de migas, que muestra el lugar exacto donde el usuario se encuentra actualmente. Si lo desea puede regresar a los accesos directos de navegación

Estás en

Menú de tercer nivel

Si quiere saltar este contenido, puede regresar a los accesos directos para navegar por la web

Detalle da nova

O alcalde avanza no pleno que os propietarios de solo urbano consolidado poderán tramitar licenzas

Confirma que a anulación do PXOM afectará o polígono ecoagrario. Apunta a setembro para levar a pleno os estatutos do Consorcio

O Concello de Abegondo celebrou no mediodía de hoxe a sesión ordinaria do pleno da corporación. Nela, o alcalde, José Antonio Santiso, informou os grupos da situación actual da Área Metropolitana, dos fondos LEADER, e respondeu as súas preguntas acerca da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal pola denuncia da Plataforma de Afectados, tras o auto do Tribunal Supremo.

Sobre o Consorcio As Mariñas, o primeiro edil explicou que se traballa no texto definitivo dos estatutos do ente, pendentes de aprobación. Un dos puntos nos que se debate é a composición da xunta de portavoces, novo órgano co que se quere dar participación a representantes das corporacións. Estímase que en setembro se poida contar coa proposta definitiva, que logo terá que ser referendada por cada un dos plenos.

En canto á constitución da Área Metropolitana, Santiso sinalou que se lles remitiu aos alcaldes un borrador de carta para enviar á Xunta pedindo a constitución. “O maior problema é que aínda non se aprobou na Coruña”, indicou.

Sobre o programa Leader, Santiso avanzou que xa está en vigor o programa e pódense recibir as solicitudes para beneficiarse das axudas, especialmente indicadas para apoiar o desenvolvemento rural. Adiantou que a Reserva os aproveitará tamén para a adquisición do equipamento da súa nova sede, que será na antiga reitoral de San Tirso de Mabegondo, unha vez que se reforme. Ademais, anunciou que se pedirá á Xunta que a Reserva sexa Fundación de Carácter Público, para que non dependa só do GDR Mariñas - Betanzos.

Plan Xeral

Tanto o grupo de SON como o de Alternativa por Abegondo (AxA) aproveitaron a quenda de rogos e preguntas para falar da anulación da PXOM, unha vez que a xustiza atendeu a denuncia da Plataforma de Afectados.

Os portavoces de ambas as dúas agrupacións contaban xa co texto da sentenza. Os dous grupos coincidiron en preguntar polo futuro do urbanismo no municipio. Santiso avanzou unha próxima reunión coa Xunta de Galicia para analizar as medidas provisionais que se poidan tomar para favorecer os veciños e impedir que se paralice a construción. Ademais, o alcalde anunciou que os propietarios de parcelas de solo urbano consolidado si poderán tramitar as súas licenzas. Recibirán cumprida información das súas posibilidades.

A portavoz de AxA, Fátima Insua, interesouse polas consecuencias no desenvolvemento de equipamentos. O rexedor explicou que buscará manter o Plan Especial de San Marcos, para construír ademais o centro de saúde comprometido por Sanidade. Pero o polígono ecoagrario, marcado para Montouto, si que se verá afectado e “terá que esperar”.

Sobre o que se poderá aproveitar do Plan anterior, o rexedor estima que “unha importante base” poderase aproveitar. E logo, dado que a denuncia prosperou baseándose principalmente no número de vivendas excesivo, haberá que recortar a cifra e non poderá satisfacer os desexos de moitos veciños.

O edil de SON preguntouse polas responsabilidades da anulación. O alcalde lembroulle que quen aproba plans xerais en Galicia é a Xunta de Galicia. E neste caso, contaba con todos os informes técnicos favorables de todas as administracións competentes.

O debate subiu un pouco de ton cando a portavoz de AxA preguntou a Santiso tamén polas responsabilidades e o alcalde replicou se o seu grupo non debería facelo tamén ao ter un concelleiro que recoñeceu pertencer á Plataforma.

Insua tamén incidiu en que a sentenza denegaba dúas reservas de solo en San Marcos e en San Tirso como urbano consolidado. O rexedor aclaroulle que iso por si só non anularía a PXOM, senón só eses ámbitos. A anulación do Plan provén principalmente do elevado número de vivendas previsto.